Thursday 02 de May de 2024

A Xunta comezará a vindeira semana traballos de limpeza nas marxes de catro estradas autonómicas ao paso polas provincias da Coruña, de Lugo e de Ourense


― Iniciaranse traballos de roza nas estradas AC-861, en San Sadurniño, e na LU-616, ao paso polo concello do Saviñao

― Tamén comezarán labores de limpeza nas estradas OU-150, en Ourense, e na OU-536 no seu percorrido polos municipios de Ourense, O Pereiro de Aguiar, Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Montederramo, Castro Caldelas, San Xoán de Río e A Pobra de Trives

― Estas tarefas forman parte do contrato con Seaga para o control da biomasa das marxes das vías da Xunta, cun investimento de case 3 M€ en dous anos

A Xunta comezará a vindeira semana novos traballos de limpeza nas marxes de catro estradas autonómicas ao paso polas provincias da Coruña, de Lugo e de Ourense.

No caso das provincias da Coruña e de Lugo, as novas actuacións levaranse a cabo na estrada
AC-861, no municipio de San Sadurniño, e na LU-616, ao paso polo concello do Saviñao, respectivamente.

Tamén comezarán os traballos de roza e limpeza na estrada OU-150, no municipio de Ourense; e na OU-536 no seu percorrido polos concellos de Ourense, O Pereiro de Aguiar, Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Montederramo, Castro Caldelas, San Xoán de Río e A Pobra de Trives. Continuarán, ademais, as intervencións que están en marcha en distintas vías autonómicas da provincia de Pontevedra, na comarca do Morrazo: na autovía AG-4.6, en Moaña e Cangas; e na CG-4.1, que une os municipios de Moaña e de Cangas.

Tamén proseguirán nas provincias da Coruña e de Lugo estas tarefas na AC-554, no concello de Outes; na LU-615, no Saviñao; e na vía de altas prestacións CG-2.3, en Viveiro e en Xove.

Ademais, no caso da provincia de Ourense, continuarán as tarefas nas estradas OU-540, nos municipios de Ourense e de Lobios; e na OU-531, ao seu paso polos concellos de Xinzo de Limia, Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, A Bola, Celanova, Ramirás, Gomesende e Cortegada.

Estas intervencións están enmarcadas no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que supón un investimento de preto de 3 M€ para os dous próximos anos.

As actuacións consisten no roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas e a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas.

A Xunta, con este programa, segue a intensificar as súas accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.